venres, 5 de maio de 2017

EXPERIMENTANDO COA ENERXÍA


 Os nenos e nenas de 3º B seguen experimentando. Agora fixérono coa enerxía.
Se queres ver o seu traballo, pincha AQUÍ

venres, 28 de abril de 2017

IAGO LÓPEZ

Hoxe visitou o noso cole o contacontos e autor do libro "O cociñeiro Martiño" Iago López, que fixo as delicias do público de Infantil e  de 1ºe 2º de Primaria.
Iago realizou unha actividade moi dinámica e participativa coa que o alumnado se implicou moitísimo. Pasárono en grande!!



xoves, 27 de abril de 2017

CONCURSO "QUE LIBRO É?"

Hoxe, na biblioteca do centro, fixemos entrega dos diplomas e agasallos aos cursos participantes e ganadores do concurso "Que libro é? consistente en, mediante unhas pistas, adiviñar o título dun libro. Esta actividade enmárcase dentro da semana do libro que vimos celebrando ao longo destes días.

luns, 24 de abril de 2017

APADRIÑAMENTOS LECTORES

O apadriñamento lector é un proxecto de animación á lectura de carácter transversal. Consiste en que o alumnado de cursos superiores (de 3º a 6º) sexan padriños /madriñas do alumnado de cursos inferiores (dende infantil 3 anos ata 2º nivel) para compartir momentos de lectura.
Os padriños/madriñas terán a función de ler contos aos seus afillados/as.
Con esta actividade preténdese mellorar os diversos contidos da lectura e ademais desenrolar relacións interpersoais entre o alumnado do centro e o achegamento entre nenos/as de diferentes idades.

Esta actividade desenvolveuse hoxe no noso colexio para celebrar o Día do Libro.
Tivo moito éxito!!

xoves, 20 de abril de 2017

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

ACTIVIDADES QUE REALIZAREMOS NO NOSO CENTRO:

a) APADRIÑAMENTOS LECTORES: o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º niveis actuará como padriño/madriña dos nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º niveis aos que lles lerán un libro.
Esta actividade terá lugar o luns 24 de abril despois do recreo e realizarase no exterior, nos patios e zonas axardinadas do colexio.
Cada padriño e madriña obsequiarán aos seus afillados/as tamén cun marcapáxinas e os afillados/as farán o mesmo.


b) CONCURSO "QUE LIBRO É?": realizado xa o curso anterior con moito éxito, está destinado a E. Primaria e consiste en adiviñar o título dun libro coñecido polo alumnado a través dunha serie de pistas que se van dando. O libro é diferente segundo os niveis (Un título para 1º e 2º, outro para 3º e 4º e outro para 5º e 6º)
O curso ganador terá un premio especial pero tódolos cursos participantes recibirán un agasallo.
Os cursos ganadores e a antrega de premios terá lugar o xoves, 27 de abril na biblioteca do centro.


 c) VISITA DE IAGO LÓPEZ e LEDICIA COSTAS O venres 28, visita o noso centro o contacontos e escritor Iago López, autor do libro "O cociñeiro Martiño" que o alumnado de 2º nivel leu como lectura obligatoria este curso.
Iago López actuará para os nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º niveis.
O día 3 de maio visita o noso centro Ledicia Costa que vén para falar co alumnado de 5º e 6º de Primaria sobre o seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta" que foi o libro que leron estes nenos/as.



 



ESCOLA DE MÚSICA

Onte viñeron a visitarnos o director e profesores/as da Escola de Música de Burela.
Ensinaron a todo o alumnado de Primaria o nome e o uso de diferentes instrumentos e interpretaron unhas pequenas pezas musicais. Tamén invitaron a aos nenos e nenas a un obradoiro que vai haber na Escola proximamente.
A montaxe do vídeo é obra de Pili Vázquez. 
Pulsa AQUÍ

mércores, 19 de abril de 2017

ENCONTROS PLAMBE 2016/17 EN SANTIAGO. VÍDEO-RESUMO

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017, celebrados os días 16 e 17 de marzo de 2017 no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Asistiron, convocados porla Consellería de Cultura, Educación e O.U., un total de 615 profesores e profesoras, todos eles responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca dos seus centros, integrados neste programa da consellería que pretende a renovación e actualización constante das bibliotecas dos centros non universitarios e que beneficia ao 66% do alumnado dos centros públicos galegos.

Obradoiro de xoguetes antigos

Seguindo co noso PDI (Concellos da Mariña lucense) e no caso de 3º nivel, Lourenzá, quixemos traer ao cole algunha persoa que fose relevante dese concello e atopamos a Xosé López González, profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Indalecio Pérez de Tui. Xunto con José Manuel García Fernández investigou  sobre os xoguetes tradicionais e froito desta paixón común nacen os libros "Os xoguetes esquecidos I", "Os xoguetes esquecidos II" e " Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Primavera-verán" e tamén o audiovisual "Tempo de xogar" que nos mostran como crear xoguetes a partires de elementos da natureza.
Tivemos, grazas a Xosé, a oportunidade de desfrutar no noso colexio dunha actividade nova e diferente que encantou aos nenos e nenas. Foi un obradoiro moi dinámico onde o alumnado tivo ocasión de ver un vídeo sobre como eran os xoguetes en tempos pasados, despois elaboraron un chifre a partires da bugalla dun carballo e por último tiveron ocasión de ver "In situ" xoguetes tradicionais que foron pasando de man e man.
Pasámolo moi ben. Grazas, Xosé!
 

-------------------------------