Amosando publicacións coa etiqueta #visitas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #visitas. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

VISÍTANOS O CÓNSUL DE POLONIA.

 O Sr. Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Cónsul honorario de Polonia en Vigo visitou o noso colexio o pasado venres para falarnos de Polonia e comprobar o moito que aprendimos durante este curso sobre este fermoso país do norte de Europa. A esta visita convidamos tamén á nosa familia procedente de Polonia e a Mario Pillado, Tenente de alcaldesa e concelleiro de educación (entre outros cargos) no noso concello. 

O traballo no noso PDI "Burela sen fronteiras" foi o motivo polo que nos puxemos en contacto con este consulado ao comezo do curso escolar. O motivo era conseguir información para as nosas investigacións sobre Polonia e, por que non, algunha recomendación. Pois non só foron moi amables na súa resposta senón que chegou ao cole unha caixa con bastante material para poder coñecer moito mellor este país. Ademáis, o Sr. Juan Manuel Vieites mostrouse moi entusiasmado co noso proxecto e ofreceuse a visitar o noso cole cando lle fose posible.

Foi unha visita moi agradable na que tivemos a oportunidade de coñecer ao Cónsul de Polonia en Vigo, profundar nas obrigas que tén a súa labor, coñecer Polonia un pouco máis e pasar un ratiño moi agradable. Quedamos moi agradecidos e esperamos que se anime a volver de novo polo cole.




sábado, 23 de maio de 2026

VISÍTANOS ANA LÓPEZ QUINTELA

 Como parte das celebracións do Día do Libro visitou a nosa biblio Ana López Quintela. 

Coñecemos moi ben a Ana pois é compañeira e mestra de Educación Infantil mais esta vez tivémola na nosa biblio en calidade de escritora.

Ana recibiu a todo o alumnado de Infantil e Primeiro Ciclo e falounos dos seus libros "Na busca de Antón" e "Que haberá na barriga de mamá?". Foi un pracer disfrutar con ela este ratiño nun día tan especial como é o Día do Libro. 






COÑECEMOS BURELA E A LONXA


Coñecendo a contorna.


O alumnado de terceiro de Primaria fixo unha visita á lonxa no mes de abril. O equipo do patrón maior da cofradía encargouse de transmitirlles os seus coñecementos en canto ao funcionamento da lonxa, a poxa, a pesca e o simbolismo do 'mural' conmemorativo realizado para celebrar os 100 anos da Cofradía.

Tiveron tamén unha dinámica de xogos (iniciativa de Vegalsa/Eroski) con contido técnico e adaptado aos máis pequenos para entender que comemos e por que o facemos; que é unha alimentación saudable e como podemos mellorar a nosa enerxía diaria.

Ademáis, fixeron un sinxelo taller de cociña xunto a un chef onde degustaron hot dogs de pescada e gamba.




 


8M-BATUKO TABANKA

 O noso 8M.

Este curso escolar traballamos a conmemoración do 8M con tres actividades diferentes.

  • A primeira delas foi a realización dun mural colaborativo coa figura de Rosalía e carteis de outras mulleres que nos pareceu moi interesante estudar como Maruja Mallo, Lola Massieu, Margarita Salas e Batuko Tabanka.
  • A segunda foi unha actividade en colaboración coas familias. O noso alumnado levou para a casa unha plantilla na que escribir unha conversa ou entrevista a unha muller procedente de algún dos países estudados este curso dentro do noso proxecto 'Burela sen fronteiras'. A muller escollida podía ser coñecida ou non, contemporánea ou non... tiñan total liberdade para falar coa persoa que eles quixeran e botarlle moita imaxinación. Estamos moi agradecidas ás familias polo seu tempo e implicación e pola marabilla de traballos que xuntamos. Chegaron conversas con Aitana, Marie Curie, Cesárea Évora, Clara Campoamor, María Pita, Rosalía... e tamén con veciñas de Burela!
  • A terceira foi un encontro a través da música de Batuko Tabanka. Un grupo de música tradicional caboverdiana composto por mulleres que son as nosas veciñas, procedentes de Cabo Verde e que levan varios anos residindo en Burela. As Batuko Tabanka viñeron ao noso cole e contáronnos o que é ser muller migrante, as dificultades que atoparon e tamén as alegrías que lles aportou tomar a decisión de vivir nun país diferente a aquel no que un nace. Compartiron tamén algunha que outra anécdota simpática con nós e fixéronnos un concerto que gozamos moito!






RECIBIMOS VISITA DE ASTURIAS

 O noso alumnado de Infantil decidiu estudar España comunidade a comunidade; descubrindo a cultura, a gastronomía, a xeografía, a música e moitas cousas máis de cada unha delas. O traballo de este ciclo foi inmenso. #pdiburelasenfronteiras.

Pois ben, tivemos o enorme pracer de recibir a Covadonga Díaz (concelleira de Xuventude, Festexos e Centros Sociais do Concello de Oviedo) e ao seu equipo, que viñeron contarnos moitas cousas sobre Asturias e trouxeron un montón de agasallos.

Esta visita enmárcase dentro do proxecto de este curso 'Burela sen fronteiras'. Neste trimestre Infantil traballou a Asturias. O alumnado escribiulle unha carta ao Concello de Oviedo e á súa oficina de turismo. Cal foi a nosa sorpresa? Ademáis de contestarnos, querían vir visitarnos. Os nenos e nenas aproveitaron para amosarlles os traballos que fixeron e contarlles todo o que aprenderon da súa comunidade.







VISÍTANOS IRIA MISA

 O 11 de marzo recibimos no cole a visita da escritora Iria Misa. O alumnado anotado ao club de lectura 'Unha veciña de película' xunto co alumnado de cuarto de Primaria, tiveron hoxe a ocasión de coñecer á autora de ese libro que lles está gustando tanto e conversar con ela de diferentes aspectos da novela.

Tampouco quixeron perder a ocasión de coñecer a Iria Misa o alumnado de sexto que está a leu 'A cidade do átomo' dentro da materia de liingua e que tiñan moitísimas preguntas para facerlle a esta autora. 

Gozamos moito desta visita e foi un pracer coñecer a Iria Misa, agardamos que non tarde en volver polo noso cole.






VISÍTANOS ANTÍA YÁÑEZ.

 No mes de febreiro recibimos a visita de Antía Yáñez na nosa biblioteca.

Na nosa biblio levamos xa bastantes cursos ofrecendo ao alumnado clubs de lectura, mais este curso académico entramos oficialmente no programa de CLUBS DE LECTURA, que forma parte da rede de Bibliotecas de Galicia e está enmarcado no Plan Lía.

Por iso a nosa tartaruguiña Carmiña e axudantes decidiron estrenar esta nova etapa cunha autora moi querida e importante para nos, Antía Yáñez. 

Antía foi alumna do noso cole ademáis de ser unha das nosas burelesas máis coñecidas, así que non puidemos ter mellor estrea nesta nova andaina como centro participante no programa de CLUBS DE LECTURA. 

O libro 'O clan das barbies' foi o primeiro título traballado no club de lectura dirixido a persoas adultas e 'Plan de rescate' foi o elixido para alumnado matriculado a partir de terceiro. Mais boa parte do noso alumnado xa estaba máis que familiarizado con outras novelas de Antía coma 'O misterio do torque de Burela' ou 'O misterio de Portomarín'.

Foi un pracer recibir a Antía e conversar con ela. Agardamos que levase moi bo recordo e que non pase moito tempo ata a súa próxima visita.





venres, 20 de xuño de 2025

Carmiña, Bonitiño e Clink visitan Viladonga.

Carmiña , Bonitiño e Clink visitaron Viladonga.
Os nosos amigos finalmente fixeron a ansiada visita ao Castro de Viladonga.
Remata así a historia do noso PDI 'Os Castros, un nome misterioso' no que traballamos todos xuntos con moita ilusión.





 

domingo, 8 de xuño de 2025

LOIS PÉREZ

 Lois Pérez, autor de dous libros protagonistas dos nosos clubes de lectura deste curso, visitou o noso cole o pasado 7 de maio.

Facía semanas que rematáramos de ler 'A tribo do mar', unha novela que trata moitos temas que nos fixeron reflexionar profundamente. Durante os encontros do club de lectura falamos sobre: emigración, desarraigo, loita, resiliencia, éxito, dificultades, etc. Sen dúbida foi unha novela dura pero que nos deixou ilusionados de cara ao futuro a través das súas personaxes, entre as que nos entusiasmou Alexandra.

Agora estamos inmersos na lectura de 'A gruta da torre' e entusiasmados porque é un libro moi divertido e que agocha un importante misterio.

Neste encontro literario con Lois Pérez, autor de ambos títulos. Tivemos a oportunidade de falar con el das súas novelas, de misterios, de anécdotas e incluso de amor. Pasámolo tan ben que se nos fixo curta a visita.

Grazas Lois, esperamos que volvas visitarnos pronto.





VISITOUNOS IRENE SAMPER

 Que afortunados fumos de recibir a Irene Samper, xogadora do Burela FSF o mércores 7 de maio. Unha gran deportista que nos deixou unha gran lección de vida. Chegou ao noso cole co sorriso na cara pola recente victoria do seu equipo na Copa da Raíña (e si, deixounos ver e tocar tódalas medallas).

Irene veu falarnos da súa vida como deportista da elite, dos seus triunfos (que non son poucos) e do seu día a día. 

con gran mestría explicounos o esforzo que hai detrás do éxito, as caídas, os disgustos, etc. Porque non sempre se gaña e hai que saber perder. Entendimos a importancia da saúde mental e da resiliencia, para o deporte, para os estudos e para a vida en xeral.

Grazas Irene por esta lección de vida! Grazas Bonitiño por invitala e ensinarnos tanto sobre a nosa saúde mental e  física.





AQUELA VIAXE BONITIÑO, CARMIÑA E CLINK


 Parece que os nosos amigos Carmiña, Bonitiño e Clink souberon resolver con éxito as súas desavenencias e continuaron coa viaxe. Aquí os tedes en Viladonga. Unha visita inesquecible, aprenderían tanto coma o alumnado do cole dos Castros? Pronto o saberemos.





sábado, 7 de xuño de 2025

EXPOSICIÓNS ITINERANTES DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO.

 

Solicitamos ao Museo Provincial de Lugo dúas exposicións itinerantes para seguir investigando dentro do PDI e para poder compartir coa comunidade educativa o noso centro de interese na investigación deste curso. Unha exposición sobre o ‘Castro de Sta. Mª de Cervantes, Lugo’ e outra sobre ‘A colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo’. De novo modificamos o espazo da nosa biblio para poder ubicalas e empregamos tamén o corredor anexo do edificio 2. Estas exposición estiveron abertas en horario de mañá para o alumnado e en horario de tarde para as familias e outros membros da comunidade. 

Queremos dar grazas ás familias que se visitaron as exposicións e tamén aos participantes dos 'paseos saudables' que se organiza a Mesa para a saúde de Burela e ao alumnado de 1º de BAC do IES Monte Castelo que tamén viñeron visitar as exposicións e interesarse polo noso traballo.





A HISTORIA VISITA O NOSO COLE.

 Os días 7 e 14 de marzo tivemos o privilexio de recibir as visitas de Aurelia Balseiro García e Herminia Pernas Oroza. Aurelia é a directora do Museo Provincial de Lugo, doutorada en Arqueoloxía e licenciada en Historia da Arte na especialidade de Museoloxía pola USC. Herminia é doutora en Historia e profesora de Xeografía e Historia no IES Monte Castelo de Burela, ademáis da cronista oficial da nosa vila.

Durante o primeiro venres e en dúas quendas, compartiron cos niveis de primeiro a cuarto de Primaria os seus amplos coñecementos sobre a cultura castrexa, dende a súa pegada na nosa historia, especialmente na de Burela, o que se sabe sobre como era o día a día deses castrexos e castrexas, a que se adicaban, que útiles empregaban, como eran as súas vivendas e un longo etcétera. 

O venres 14 de marzo foron as quendas de Infantil e terceiro ciclo. 

Como sorpresa tivemos nas nosas mans unha réplica real da gran xoia que é o Torque de Burela.

Desfrutamos moito da compaña de Aurelia e Herminia e aprendimos moitísimo, que fortuna foi telas no noso cole! Xa sabemos por que toda a xente nos coñece popularmente como 'o cole dos Castros', e é que estamos practicamente enriba dun!

Ps: Saímos na prensa! Prensa visitas Aurelia e Herminia














-------------------------------