Amosando publicacións coa etiqueta #pdiburelasenfronteiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #pdiburelasenfronteiras. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

VISÍTANOS O CÓNSUL DE POLONIA.

 O Sr. Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Cónsul honorario de Polonia en Vigo visitou o noso colexio o pasado venres para falarnos de Polonia e comprobar o moito que aprendimos durante este curso sobre este fermoso país do norte de Europa. A esta visita convidamos tamén á nosa familia procedente de Polonia e a Mario Pillado, Tenente de alcaldesa e concelleiro de educación (entre outros cargos) no noso concello. 

O traballo no noso PDI "Burela sen fronteiras" foi o motivo polo que nos puxemos en contacto con este consulado ao comezo do curso escolar. O motivo era conseguir información para as nosas investigacións sobre Polonia e, por que non, algunha recomendación. Pois non só foron moi amables na súa resposta senón que chegou ao cole unha caixa con bastante material para poder coñecer moito mellor este país. Ademáis, o Sr. Juan Manuel Vieites mostrouse moi entusiasmado co noso proxecto e ofreceuse a visitar o noso cole cando lle fose posible.

Foi unha visita moi agradable na que tivemos a oportunidade de coñecer ao Cónsul de Polonia en Vigo, profundar nas obrigas que tén a súa labor, coñecer Polonia un pouco máis e pasar un ratiño moi agradable. Quedamos moi agradecidos e esperamos que se anime a volver de novo polo cole.




sábado, 6 de xuño de 2026

OLA! CANTAS GANAS TIÑA EU DE FALAR CONTIGO.

 OLA! CANTAS GANAS TIÑA EU DE FALAR CONTIGO foi un traballo que tamén partiu do noso PDI Burela sen Fronteiras e se realizou íntegramente como colaboración coas familias.

Esta proposta de traballo plantexaba celebrar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un día para recordar que precisamos continuar traballando para eliminar toda forma de discriminación cara as mulleres polo simple feito de selo e en calquera ámbito. 

Pedímoslles ás nosas familias que, xunto cos seus fillos, pensasen nunha muller procedente dalgúns países estudados no proxecto (Ghana, Perú, España, Indonesia, Polonia e Cabo Verde) coa que lles apetecese ter unha conversa ou facer unha entrevista. Proporcionámoslles unha plantilla sobre a que traballar e pedímoslles que escribisen o seu traballo e o ilustrasen. 

Estamos moi agradecidos polos traballos recibidos e a implicación das nosas familias e o noso alumnado. Cremos que estas actividades son unha maneira fantástica de traballar a escritura, a creatividade, a investigación; unindo o centro educativo coa casa e fortalecendo as relacións das familias coa escola.

Estas foron as instruccións que lles enviamos:


E estes os marabillosos traballos que recibimos:



sábado, 23 de maio de 2026

EXPOSICIÓN DE ARTE 'BURELA SEN FRONTEIRAS'


No CEIPP dos Castros sabemos que a arte ten un poder non só educativo senón que forma ás persoas de maneira global; ademáis de ser unha fermosa actividade para traballar xuntos e potenciar a nosa creatividade. 

O noso proxecto precisaba dun espazo especial adicado á arte e o deseño. Por iso organizamos esta exposición de arte que chamamos igual que o noso PDI 'Burela sen fronteiras' para mostrar algúns dos traballos feitos polo noso alumnado ao redor de obras artísticas de pintores procedentes dos países estudados durante este curso escolar. 

Algunhas aulas ampliaron a actividade e traballaron diversos artistas e realizaron varias obras, outras aulas centráronse no estudo dun artista concreto. 

Nesta exposición mostramos un traballo escollido por cada aula do noso cole, 18 obras artísticas en total.

Cada unha das obras artísticas realizouse seguindo a mesma técnica (collage) para unificar o traballo do centro. Na exposición acompañamos cada traballo cunha placa  feita coa cortadora láser de Polos Creativos onde, a través dun código QR, se podía acceder á obra orixinal e información sobre o/a artista.
 

Esta mostra artística realizouse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Burela do 18 ao 29 de maio e estivo aberta ao público en horario de mañá e tarde.











FORMACIÓN DE USUARIOS E E-LBE2.

 Este curso escolar a formación de usuarios foi sufrindo aprazamentos debido a que a espera pola nova 'librería' para a biblioteca se ía alongando. Contabamos ter a biblio operativa e colocada dentro do primeiro trimestre e foi por iso polo que decidimos esperar e facer a FORMACIÓN DE USUARIOS xa co novo sistema de colocación e cos espazos reorganizados. Unha vez que tiñamos a tódolos fondos de ficción colocados recibimos a boa nova de que o electricista do Concello podía vir modificar unha parte dos enchufes e das tomas, polo que esperamos a que se fixese esta nova obra e reorganizamos os fondos de consulta. Ao final, a formación de usuarios foi bastante tardía. Pero ás veces non podemos controlar tódolos tempos cando se precisa a axuda de profesionais alleos ao centro. 

A formación de usuarios realizouse para todo o alumnado e o profesorado acompañante. Constou de tres días para cada un dos niveis. O primeiro dos días a formación centrouse nos novos espazos, distribución de fondos, servizos da nosa BE, etc. O segundo día centramos a formación na plataforma E-LBE2. Fixemos novos carnés de biblioteca para todo o alumnado e enviamos unha presentación explicando       E-LBE2., como descargala e como navegar pola mesma para as familias. O terceiro día consistía na realización dunhas pequenas actividades para afianzar o que se lles explicou na biblio o primeiro día da formación; nestas actividades tiñan que colorear, subliñar ou atopar erros que se lles explicaban en algún tello dos mostrados na actividade.







E-LBE2          

   



OBRADOIRO DE MARCAPÁXINAS

 Para continuar as conmemoracións arredor do Día do Libro e para continuar motivando ao noso alumnado para mergullarse no mundo da lectura e na cultura dos países estudados no noso proxecto, decidimos facer un obradoiro de marcapáxinas.

Ofrecimos ao alumnado anotado ao obradoiro carteis con información e exemplos de deseño tradicionais e populares de cada un dos países para que se inspirasen na decoración do marcapáxinas. Os exemplos ofrecidos ían dende deseños tradicionais en teas (para vestir, patróns de refaixo galego, estampados menorquines, tea Kente ghanesa, estampados Caboverdianos, estampado Quechua...), ata azulexo, ovos de pascua, cerámicas, etc.






EXPOSICIÓN 'BURELA SEN FRONTEIRAS' PARTE 2

 Abrimos a segunda parte da exposición dos nosos traballos relacionados co noso PDI 'BURELA SEN FRONTEIRAS' os últimos días de maio. Estes traballos mostráronse máis tarde debido á falta de espazo para poder ubicalos todos xuntos. 

Nesta segunda mostra as aulas baixaron aqueles produtos feitos de tarefas e investigacións relacionadas con : Perú, España e Ghana. Algúns traballos continuaron dende a exposición anterior pois algunhas aulas decidiron traballar dous países de maneira simultánea e facer traballo conxunto para a exposición.

A exposición estivo formada por traballos feitos por alumnado de todo o cole e dende diferentes materias e/ou áreas de coñecemento. Esta exposición puido disfrutala todo o alumnado en horario de mañá e as familias e comunidade educativa en horario de tarde de 15:30 a 17:30.




























CLUB DE LECTURA 'EL JARDINERO Y LA MUERTE'


O CLUB DE CARMIÑA abre unha nova lectura para público adulto. Esta vez trátase da novela 'El jardinero y la muerte' de Gerogui Gospodínov.

As xuntanzas para este club ocuparon dúas tardes do mes de maio e foron moi interesantes ademáis de estar cargadas de sensibilidade.

Carmiña púxose en contacto coa editorial Impedimenta, que ten propostas interesantes para acompañar a persoas participantes de clubs de lectura que traballen os seus libros, e esta agasallounos cunhas libretiñas e uns marcadores que seguro empregaremos moi pronto.

Con esta novela rematamos as nosas propostas de lectura no 'Club de Carmiña' por este curso. Agardamos poder continuar con esta iniciativa o próximo ano escolar e recibir de novo a todas estas persoas que encontraron un ratiño do seu tempo para acompañarnos. Grazas!



 



COÑECEMOS BURELA E A LONXA


Coñecendo a contorna.


O alumnado de terceiro de Primaria fixo unha visita á lonxa no mes de abril. O equipo do patrón maior da cofradía encargouse de transmitirlles os seus coñecementos en canto ao funcionamento da lonxa, a poxa, a pesca e o simbolismo do 'mural' conmemorativo realizado para celebrar os 100 anos da Cofradía.

Tiveron tamén unha dinámica de xogos (iniciativa de Vegalsa/Eroski) con contido técnico e adaptado aos máis pequenos para entender que comemos e por que o facemos; que é unha alimentación saudable e como podemos mellorar a nosa enerxía diaria.

Ademáis, fixeron un sinxelo taller de cociña xunto a un chef onde degustaron hot dogs de pescada e gamba.




 


-------------------------------