Despois dun curso no que descubrimos o motivo polo que ao noso cole, que se chamaba CEIPP Virxe do Carme, popularmente se lle coñecía como o colexio dos 'Castros', e de mergullarnos de cheo na cultura castrexa e no pasado da nosa vila, este anos decidimos entender mellor o noso presente.
Vivimos nunha Burela moi diferente á castrexa, unha Burela multicultural. Abarcar tódalas nacionalidades presentes na nosa vila é unha tarefa moi ambiciosa así que optamos por escoller entre aqueles lugares do mundo máis significativos para o noso alumnado e que teñen unha importante presencia en Burela. Foi así como xurdíu a idea de proxecto, para coñecer mellor os lugares de orixe dos nosos compis e/ou das súas familias. Queremos saber e queremos coñecer moitas cousiñas e escoitar moitas historias de países lonxanos. A través de este PDI "Burela sen fronteiras" coñeceremos diferentes aspectos da cultura de doce países. Durante este curso traballaremos seis de eles: España, Perú, Cabo Verde, Indonesia, Polonia e Ghana.
Agardamos que vos animedes a participar nas actividades que vaian xurdindo e que vos resulte interesante o noso traballo.
O 24 de outubro é o Día das bibliotecas, unha data moi especial.
Así que nos celebrámolo como ben merece. Presentamos o noso novo proxecto ao alumnado "Burela sen fronteiras", un proxecto que terá unha duración de dous cursos escolares. Tamén aproveitamos a efeméride para poñer a circular as mochilas viaxeiras e tódolos grupos visitan a nosa biblio para coñecer as sorpresas e novidades que lles ten preparadas Carmiña.
Non esquecemos o lema e, por suposto, unímonos á loita contra a desinformación, poñendo en valor os libros e os lugares que os acollen; sen esquecer a importancia do acceso á lectura e a poder/saber ler. Para isto axudounos durante esta xornada tan especial o libro "O lapis máxico de Malala".
As Bibliotecas Escolares son un latexo de vida nos centros e as Bibliotecas, en xeral, eternos refuxios de sabiduría, calma e esperanza. Uns lugares moi necesarios e cheíños de maxia como di esta canción de Iván Vale.
Aquí tedes o cartaz co lema das bibliotecas para esta celebración e o texto no blog de Bibliotecas Escolares con este motivo. Unha celebración que se está a facer dende o 1997.
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2025.
O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.
As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas.
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.
Xa estamos enfrascados de cheo nunha nova aventura para este curso escolar 2025-2026 e dende aquí iremos compartindo coa nosa comunidade moitas das actividades e propostas nas que iremos traballando.