luns, 11 de setembro de 2017

O CURSO 2017/18 XA ESTÁ AQUÍ!!


 Ola de novo. Comezamos outro curso escolar e neste blog  iremos  publicando como de costume tódalas actividades propostas dende a biblioteca escolar . Informaremos ademais de novidades editoriais que se vaian adquirindo ao longo do curso e de todo aquelo que consideremos interesante para a Comunidade Escolar.

Para empezar, queremos presentar o lema escollido este curso pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas escolares. Trátase do seguinte:

"APRENDER A PENSAR COA BIBLIOTECA ESCOLAR"

 "...Unha biblioteca  escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir."

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-------------------------------