A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
É unha celebración colectiva, con ela quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que nos leva acompañando dende sempre, e facéndoa presente noutras figuras máis recentes como Mercedes Peón, o grupo Leilía, Xabier Díaz e as Abufeiras ou as Tanxugueiras.
O grupo de cantareias 'As Grileiras', pertencentes á asociación cultural Ledicia de Burela, visitaron o noso colexio durante dúas xornadas inesquecibles. A temática das letras galegas fixéronnos querer saber máis destas mulleres, as cantareiras, que ao longo dos anos foron transmisoras e conservadoras da lírica oral e da nosa tradición popular. Un traballo e unha labor que se veu recoñecida este 17 de maio.
As Grileiras: Maite, Marta e Lola estiveron con todo o alumnado do noso cole durante dúas xornadas moi intensas e trouxeron con elas un legado que nos souberon transmitir con moito cariño. Faláronnos: das cantareiras, da súa labor, das recollidas, do traxe tradicional galego, dos instrumentos e moitas cousas máis. Tivemos a oportunidade de escoitalas e de cantar con elas. Incluso de crear unha copla de despedida!
Grazas Grileiras por esta visita que nos encheu os corazóns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario