sábado, 7 de xuño de 2025

8 DE MARZO. AVOAS CASTREXAS.

Celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller.

Sabemos que este día conmemora a loita das mulleres por eliminar toda forma de discriminación en calquera ámbito da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural.

Este 8 de marzo quixemos celebralo dunha forma especial e divertida, e para iso precisamos a inestimable axuda das nosas familias. A través do PDI ‘Os Castros, un nome misterioso’, o noso alumnado levaba tempo investigando e aprendendo moito sobre o pasado de Burela e a cultura castrexa. Dende o comezo de curso as nosas olladas viran ao pasado e son moitas as cousiñas que aprendimos sobre como vivían os nosos antergos.

Tendo en conta o lema de BE de este curso 'A Biblioteca Escolar, a escena! decidimos lanzar ás familias unha proposta divertida:

Que vos parecería que no canto de nós investigar tanto sobre o pasado e tentar imaxinar como se vivía entonces viñera unha avoa castrexa a visitarnos? Credes que se sorprendería? Que pensaría?

Pois ben, a vosa tarefa consiste en traer unha avoa castrexa a Burela! Á Burela de hoxe, no PRESENTE. Así que vos pedimos que vos imaxinedes unha escena, se é posible divertida, na que describades o que acontece con esa avoa castrexa que vos apareceu na familia como arte de maxia chegada directamente do pasado! Podedes levar á vosa avoa castrexa a onde queirades, temos unha vila na que acontece de todo. Por exemplo, podedes levar á vosa avoa: a un partido de fútbol sala, facer a alfombra floral nas festas, de compras ao mercado dos venres, á praia, comer churrasco ao Cantiño, facer surf á Marosa, celebrar un aniversario, á feira do bonito, á procesión marítima das festas, pode vir buscarte ao cole (ou vir a unha titoría), ao centro de saúde, á Moncloa, facer unha reclamación no Concello, abrir unha conta no banco, protestar polos marcos... incluso ir ver a Panorama!

Queridas familias, botádelle moita imaxinación e humor! 

Agradecemos ás familias a súa enorme participación e implicación nesta tarefa. A idea era facer un libro e rematamos facendo dous!

Podedes pasar pola biblio ler os libros das avoas castrexas e tamén miralos aquí A MIÑA AVOA CASTREXA, A ESCENA!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

-------------------------------