Amosando publicacións coa etiqueta #familias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #familias. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

VISÍTANOS O CÓNSUL DE POLONIA.

 O Sr. Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Cónsul honorario de Polonia en Vigo visitou o noso colexio o pasado venres para falarnos de Polonia e comprobar o moito que aprendimos durante este curso sobre este fermoso país do norte de Europa. A esta visita convidamos tamén á nosa familia procedente de Polonia e a Mario Pillado, Tenente de alcaldesa e concelleiro de educación (entre outros cargos) no noso concello. 

O traballo no noso PDI "Burela sen fronteiras" foi o motivo polo que nos puxemos en contacto con este consulado ao comezo do curso escolar. O motivo era conseguir información para as nosas investigacións sobre Polonia e, por que non, algunha recomendación. Pois non só foron moi amables na súa resposta senón que chegou ao cole unha caixa con bastante material para poder coñecer moito mellor este país. Ademáis, o Sr. Juan Manuel Vieites mostrouse moi entusiasmado co noso proxecto e ofreceuse a visitar o noso cole cando lle fose posible.

Foi unha visita moi agradable na que tivemos a oportunidade de coñecer ao Cónsul de Polonia en Vigo, profundar nas obrigas que tén a súa labor, coñecer Polonia un pouco máis e pasar un ratiño moi agradable. Quedamos moi agradecidos e esperamos que se anime a volver de novo polo cole.




sábado, 23 de maio de 2026

FORMACIÓN DE USUARIOS E E-LBE2.

 Este curso escolar a formación de usuarios foi sufrindo aprazamentos debido a que a espera pola nova 'librería' para a biblioteca se ía alongando. Contabamos ter a biblio operativa e colocada dentro do primeiro trimestre e foi por iso polo que decidimos esperar e facer a FORMACIÓN DE USUARIOS xa co novo sistema de colocación e cos espazos reorganizados. Unha vez que tiñamos a tódolos fondos de ficción colocados recibimos a boa nova de que o electricista do Concello podía vir modificar unha parte dos enchufes e das tomas, polo que esperamos a que se fixese esta nova obra e reorganizamos os fondos de consulta. Ao final, a formación de usuarios foi bastante tardía. Pero ás veces non podemos controlar tódolos tempos cando se precisa a axuda de profesionais alleos ao centro. 

A formación de usuarios realizouse para todo o alumnado e o profesorado acompañante. Constou de tres días para cada un dos niveis. O primeiro dos días a formación centrouse nos novos espazos, distribución de fondos, servizos da nosa BE, etc. O segundo día centramos a formación na plataforma E-LBE2. Fixemos novos carnés de biblioteca para todo o alumnado e enviamos unha presentación explicando       E-LBE2., como descargala e como navegar pola mesma para as familias. O terceiro día consistía na realización dunhas pequenas actividades para afianzar o que se lles explicou na biblio o primeiro día da formación; nestas actividades tiñan que colorear, subliñar ou atopar erros que se lles explicaban en algún tello dos mostrados na actividade.







E-LBE2          

   



8M-BATUKO TABANKA

 O noso 8M.

Este curso escolar traballamos a conmemoración do 8M con tres actividades diferentes.

  • A primeira delas foi a realización dun mural colaborativo coa figura de Rosalía e carteis de outras mulleres que nos pareceu moi interesante estudar como Maruja Mallo, Lola Massieu, Margarita Salas e Batuko Tabanka.
  • A segunda foi unha actividade en colaboración coas familias. O noso alumnado levou para a casa unha plantilla na que escribir unha conversa ou entrevista a unha muller procedente de algún dos países estudados este curso dentro do noso proxecto 'Burela sen fronteiras'. A muller escollida podía ser coñecida ou non, contemporánea ou non... tiñan total liberdade para falar coa persoa que eles quixeran e botarlle moita imaxinación. Estamos moi agradecidas ás familias polo seu tempo e implicación e pola marabilla de traballos que xuntamos. Chegaron conversas con Aitana, Marie Curie, Cesárea Évora, Clara Campoamor, María Pita, Rosalía... e tamén con veciñas de Burela!
  • A terceira foi un encontro a través da música de Batuko Tabanka. Un grupo de música tradicional caboverdiana composto por mulleres que son as nosas veciñas, procedentes de Cabo Verde e que levan varios anos residindo en Burela. As Batuko Tabanka viñeron ao noso cole e contáronnos o que é ser muller migrante, as dificultades que atoparon e tamén as alegrías que lles aportou tomar a decisión de vivir nun país diferente a aquel no que un nace. Compartiron tamén algunha que outra anécdota simpática con nós e fixéronnos un concerto que gozamos moito!






EMOCIOTECA


 Todo este curso as nosas familias continuaron a gozar da fabulosa emocioteca que temos situada na entrada do edificio de Educación Infantil, ao carón da oficina de Mónica, a nosa administrativa.

A Emocioteca é unha extensión da nosa biblioteca centrada na formación de adultos e volumes de divulgación, ofrecendo bibliografía sobre educación emocional a tódalas familias do centro.

Dende o curso pasado, coa axuda de Bonitiño e Carmiña, estamos ampliando os fondos da emocioteca con títulos sobre hábitos de vida saudable, nutrición e alimentación.

Temos unha gran variedade de libros e animamos ás familias a levar para casa algún deles para aprender todos xuntos e colaborar na educación integral do noso alumnado.


domingo, 8 de xuño de 2025

VAI REMATANDO O CURSO

 É moi difícil resumir con xustiza todo o traballo realizado ao redor do PDI e dos libros (por exemplo todo o traballo relacionado con Educación responsable) neste curso escolar. Quedan no recordo moitas LECTURAS COMPARTIDAS, entre o alumnado de diferentes niveis e tamén con outras asociacións, por exemplo as visitas que nos realizaron os usuarios da fundación EU SON, que visitaron o noso cole para compartir lecturas en máis de unha ocasión. E nós aínda temos pendente unha visita á Escola Infantil na que compartiremos lecturas cos máis pequeniños.

A aula de POLOS CREATIVOS encheuse de creatividade durante este curso, con actividades relacionadas con PDI e outras que non.

Paseamos moito. Fomos visitar AS TETAS DA VINCULEIRA, esas dúas mámoas que están aquí nos Castros moi pretiño do cole. Din que son a entrada ao Castro. vimos a PENA DO NENO e xa sabemos por que ao noso cole sempre se lle chamou o COLE DOS CASTROS. 

Sabemos moito máis da nosa historia. E, aínda que ningún dos nosos castros está excavado e visible, podemos dicir que case todo o alumnado do cole visitou o Castro de Viladonga e/ou o Castro de Fazouro. Aquí debemos facer un apunte de agradecemento á implicación das familias, pois foron moitas as que aproveitaron as fins de semana e festivos para ir a coñecer algún dos castros da nosa comunidade; chegáronnos fotos de diversos lugares da xeografía galega. No cole recreamos castros, decoramos os edificios, traballouse a adquisición da lecto-escritura en infantil a partir de palabras relacionadas coa cultura castrexa, amasamos pan, investigamos sobre a canteiría, fixemos diccionarios... o dito, imposible resumilo todo. Grazas PDI 'Os Castros, un nome misterioso'




















A NOSA EXPO

Como produto final do noso PDI 'Os Castros, un nome misterioso' abrimos unha exposición na Casa da Cultura de Burela do 12 ao 18 de maio, onde puidéstedes disfrutar de moitos dos nosos traballos e do resultado das nosas investigacións cos vídeos de 'Como é posible que..?. preparando a expo

Grazas alumnado e mestres por todo este traballo e cariño por un proxecto común, e tamén a tódalas persoas que se achegaron a velo e nos trasladaron palabras moi agarimosas.





























LETRAS GALEGAS 2025



 No noso cole o festival de fin de curso vai sempre da man da celebración das letras galegas.

Este ano, adicado ás cantareiras, non podían faltar a música tradicional e as pandeiretas. Estamos moi agradecidos de poder contar no noso festival coa colaboración do grupo de cantareiras 'As Grileiras' pertencentes á asociación cultural Ledicia de Burela, Jose García (saxofonista e mestre en varias Escolas de Música) e Bruno Pedre (violonchelista e mestre).

Foi un gran festival no que disfrutamos moito e nos despedimos do noso alumnado de 6º curso que dentro de moi pouquiño comeza unha nova etapa e aos cales lles desexamos moita sorte. Durante o festival entregamos os premios á portada e á contraportada do noso xornal 'Nordés'  e tamén aproveitamos esta celebración tan emotiva para facerlles a entrega dun agasallo á nosa directora Pepa e á profe Pili que este ano se xubilan e ás que tamén lles desexamos o mellor.






Grazas Clink e Polos Creativos por estes pins tan fermosos que nos realizástedes para lucir no festival.
Fixéronse arredor de 300 pin-pandeiretas elaboradas coa impresora 3D de Polos Creativos grazas ao deseño de @a_fiestra_da_mestra e a axuda de @quenchofixo, en homenaxe ás nosas cantareiras.




sábado, 7 de xuño de 2025

8 DE MARZO. AVOAS CASTREXAS.

Celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller.

Sabemos que este día conmemora a loita das mulleres por eliminar toda forma de discriminación en calquera ámbito da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural.

Este 8 de marzo quixemos celebralo dunha forma especial e divertida, e para iso precisamos a inestimable axuda das nosas familias. A través do PDI ‘Os Castros, un nome misterioso’, o noso alumnado levaba tempo investigando e aprendendo moito sobre o pasado de Burela e a cultura castrexa. Dende o comezo de curso as nosas olladas viran ao pasado e son moitas as cousiñas que aprendimos sobre como vivían os nosos antergos.

Tendo en conta o lema de BE de este curso 'A Biblioteca Escolar, a escena! decidimos lanzar ás familias unha proposta divertida:

Que vos parecería que no canto de nós investigar tanto sobre o pasado e tentar imaxinar como se vivía entonces viñera unha avoa castrexa a visitarnos? Credes que se sorprendería? Que pensaría?

Pois ben, a vosa tarefa consiste en traer unha avoa castrexa a Burela! Á Burela de hoxe, no PRESENTE. Así que vos pedimos que vos imaxinedes unha escena, se é posible divertida, na que describades o que acontece con esa avoa castrexa que vos apareceu na familia como arte de maxia chegada directamente do pasado! Podedes levar á vosa avoa castrexa a onde queirades, temos unha vila na que acontece de todo. Por exemplo, podedes levar á vosa avoa: a un partido de fútbol sala, facer a alfombra floral nas festas, de compras ao mercado dos venres, á praia, comer churrasco ao Cantiño, facer surf á Marosa, celebrar un aniversario, á feira do bonito, á procesión marítima das festas, pode vir buscarte ao cole (ou vir a unha titoría), ao centro de saúde, á Moncloa, facer unha reclamación no Concello, abrir unha conta no banco, protestar polos marcos... incluso ir ver a Panorama!

Queridas familias, botádelle moita imaxinación e humor! 

Agradecemos ás familias a súa enorme participación e implicación nesta tarefa. A idea era facer un libro e rematamos facendo dous!

Podedes pasar pola biblio ler os libros das avoas castrexas e tamén miralos aquí A MIÑA AVOA CASTREXA, A ESCENA!




-------------------------------