luns, 9 de xuño de 2025

CLUBES DE LECTURA. DAHL E PÉREZ

 Os últimos meses de curso ofertamos outros dous clubes de lectura ao noso alumnado. Un deles para traballar 'A marabillosa medicina de George' de Roald Dahl e outro foi 'A gruta da torre' de Lois Pérez.

Roald Dahl era un autor bastante descoñecido no noso cole. Sen embargo, dende que comezou a traballarse con el no club (e tamén se traballa a Dahl nas aulas de lingua estranxeira), o alumnado vaise achegando cada vez máis ás súas novelas, algo que pon a Carmiña moi leda pois é un autor con sona a nivel internacional.

O clube arredor do libro de Dahl produciu moitas risas e limos esceas das que non sabiamos que pensar, pois sentíamonos tanto sorprendidos como contentos. Esas emocións encontradas que tan ben sabe Dahl facernos sentir.

A Lois Pérez tivemos a fortuna de coñecelo e telo na nosa biblio. Tiñamos un montón de preguntas para el. O libro de 'A gruta da torre' estábanos gustando moito e, como a moitos non lles dera tempo de rematalo, queríamolo saber todo. Lois non defraudou e contounos de todo (ata un segredo que prometimos non dicir xamáis). 




domingo, 8 de xuño de 2025

VAI REMATANDO O CURSO

 É moi difícil resumir con xustiza todo o traballo realizado ao redor do PDI e dos libros (por exemplo todo o traballo relacionado con Educación responsable) neste curso escolar. Quedan no recordo moitas LECTURAS COMPARTIDAS, entre o alumnado de diferentes niveis e tamén con outras asociacións, por exemplo as visitas que nos realizaron os usuarios da fundación EU SON, que visitaron o noso cole para compartir lecturas en máis de unha ocasión. E nós aínda temos pendente unha visita á Escola Infantil na que compartiremos lecturas cos máis pequeniños.

A aula de POLOS CREATIVOS encheuse de creatividade durante este curso, con actividades relacionadas con PDI e outras que non.

Paseamos moito. Fomos visitar AS TETAS DA VINCULEIRA, esas dúas mámoas que están aquí nos Castros moi pretiño do cole. Din que son a entrada ao Castro. vimos a PENA DO NENO e xa sabemos por que ao noso cole sempre se lle chamou o COLE DOS CASTROS. 

Sabemos moito máis da nosa historia. E, aínda que ningún dos nosos castros está excavado e visible, podemos dicir que case todo o alumnado do cole visitou o Castro de Viladonga e/ou o Castro de Fazouro. Aquí debemos facer un apunte de agradecemento á implicación das familias, pois foron moitas as que aproveitaron as fins de semana e festivos para ir a coñecer algún dos castros da nosa comunidade; chegáronnos fotos de diversos lugares da xeografía galega. No cole recreamos castros, decoramos os edificios, traballouse a adquisición da lecto-escritura en infantil a partir de palabras relacionadas coa cultura castrexa, amasamos pan, investigamos sobre a canteiría, fixemos diccionarios... o dito, imposible resumilo todo. Grazas PDI 'Os Castros, un nome misterioso'




















COMO É POSIBLE QUE... LOGRÁSEMOS FACER ESTE PROXECTO TAN CHULO?

 Como é posible que lográsemos facer este proxecto tan chulo? Pois con moito traballo, esforzo e ilusión. Moitas grazas nenos e nenas do cole dos castros, plantilla de mestres e familias 💖

Aquí podedes ver os enlaces aos vídeos de cada aula. https://padlet.com/estherbasanta/como-posible-que-m65wv4mk0yt1p05o

Recordade que tamén os podedes ver na nosa conta de Instagram









LOIS PÉREZ

 Lois Pérez, autor de dous libros protagonistas dos nosos clubes de lectura deste curso, visitou o noso cole o pasado 7 de maio.

Facía semanas que rematáramos de ler 'A tribo do mar', unha novela que trata moitos temas que nos fixeron reflexionar profundamente. Durante os encontros do club de lectura falamos sobre: emigración, desarraigo, loita, resiliencia, éxito, dificultades, etc. Sen dúbida foi unha novela dura pero que nos deixou ilusionados de cara ao futuro a través das súas personaxes, entre as que nos entusiasmou Alexandra.

Agora estamos inmersos na lectura de 'A gruta da torre' e entusiasmados porque é un libro moi divertido e que agocha un importante misterio.

Neste encontro literario con Lois Pérez, autor de ambos títulos. Tivemos a oportunidade de falar con el das súas novelas, de misterios, de anécdotas e incluso de amor. Pasámolo tan ben que se nos fixo curta a visita.

Grazas Lois, esperamos que volvas visitarnos pronto.





VISITOUNOS IRENE SAMPER

 Que afortunados fumos de recibir a Irene Samper, xogadora do Burela FSF o mércores 7 de maio. Unha gran deportista que nos deixou unha gran lección de vida. Chegou ao noso cole co sorriso na cara pola recente victoria do seu equipo na Copa da Raíña (e si, deixounos ver e tocar tódalas medallas).

Irene veu falarnos da súa vida como deportista da elite, dos seus triunfos (que non son poucos) e do seu día a día. 

con gran mestría explicounos o esforzo que hai detrás do éxito, as caídas, os disgustos, etc. Porque non sempre se gaña e hai que saber perder. Entendimos a importancia da saúde mental e da resiliencia, para o deporte, para os estudos e para a vida en xeral.

Grazas Irene por esta lección de vida! Grazas Bonitiño por invitala e ensinarnos tanto sobre a nosa saúde mental e  física.





CANTAREIRAS, LETRAS GALLEGAS.

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). 

É unha celebración colectiva, con ela quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que nos leva acompañando dende sempre, e facéndoa presente noutras figuras máis recentes como Mercedes Peón, o grupo Leilía, Xabier Díaz e as Abufeiras ou as Tanxugueiras.

O grupo de cantareias 'As Grileiras', pertencentes á asociación cultural Ledicia de Burela, visitaron o noso colexio durante dúas xornadas inesquecibles. A temática das letras galegas fixéronnos querer saber máis destas mulleres, as cantareiras, que ao longo dos anos foron transmisoras e conservadoras da lírica oral e da nosa tradición popular. Un traballo e unha labor que se veu recoñecida este 17 de maio.

As Grileiras: Maite, Marta e Lola estiveron con todo o alumnado do noso cole durante dúas xornadas moi intensas e trouxeron con elas un legado que nos souberon transmitir con moito cariño. Faláronnos: das cantareiras, da súa labor, das recollidas, do traxe tradicional galego, dos instrumentos e moitas cousas máis. Tivemos a oportunidade de escoitalas e de cantar con elas. Incluso de crear unha copla de despedida!

Grazas Grileiras por esta visita que nos encheu os corazóns.

As Grileiras1   As Grileiras2















A NOSA EXPO

Como produto final do noso PDI 'Os Castros, un nome misterioso' abrimos unha exposición na Casa da Cultura de Burela do 12 ao 18 de maio, onde puidéstedes disfrutar de moitos dos nosos traballos e do resultado das nosas investigacións cos vídeos de 'Como é posible que..?. preparando a expo

Grazas alumnado e mestres por todo este traballo e cariño por un proxecto común, e tamén a tódalas persoas que se achegaron a velo e nos trasladaron palabras moi agarimosas.





























-------------------------------