Continuando coa anterior entrada, a segunda estratexia para que os nenos e nenas NON LEAN, é a seguinte:
2.- OBRIGAR A REMATAR OS LIBROS QUE SE EMPEZAN
(Agustín Paz)
Eu digo: sempre lles pido aos meus alumnos que nunca sigan lendo un libro que non lles gusta, que o cambien por outro. Dígolles:"Dádelle unha oportunidade ao libro: 15/20 páxinas. Se vedes que pola razón que sexa: non conectades coa historia, non vos interesan os personaxes,...etc deixade ese libro e pilllade outro."
Eu, enamorada da lectura, teño que facer iso bastantes veces. Se non conecto co que estou a ler, sexa polo motivo que sexa, deixo ese libro sen rematar, porque ler ten que causar pracer, ten que facerse con gusto.
Hai algúns casos nos que é preciso coñecer un libro para realizar despois un traballo sobre el, ou porque un autor che vén a falar dun libro concreto como ocorreu en días pasados que veu Gonzalo Moure a falarnos do seu libro Cama e conto, entón sí, lemos o libro enteiro.
Dicía John Holt:"...Non quero que pensedes que porque empezasedes un libro xa ides ter que rematalo. Lede trinta ou corenta páxinas para lle dar ao autor tempo para arrancar coa súa historia. Se entón non vos gustan os personaxes e non vos importa o que lles ocorra, pechade o libro, esquecédevos del e empezade con outro..."
Ningún comentario:
Publicar un comentario