martes, 7 de febreiro de 2017

UN NOVO XORNAL NA BIBLIOTECA: O PAPAGAIO


Dende o mes de novembro, temos na biblioteca un novo xornal. Chámase O Papagaio, ten periodicidade mensual (dez números ao ano, descansando no verán), 12 páxinas a toda cor e publícase integramente en galego.
Está impulsado por Edicións moito conto e inclúe temas de actualidade e empresta unha atención especial á ciencia, tecnoloxía, ecoloxía, historia, arte, cultura, integración e banda deseñada.
 A sección de ciencia e tecnoloxía está asesorada por científicos/as e é presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía conta tamén co asesoramento de profesionais e nel trataranse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas van acompañados dun experimento que os lectores/as poderán poñer en práctica.
 Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explica os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos paises. No apartado de Natureza ten un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relaciona as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, inclúese a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladan as súas queixas a través dunha carta.
Tamén se inclúe unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-------------------------------