O noso 8M.
Este curso escolar traballamos a conmemoración do 8M con tres actividades diferentes.
- A primeira delas foi a realización dun mural colaborativo coa figura de Rosalía e carteis de outras mulleres que nos pareceu moi interesante estudar como Maruja Mallo, Lola Massieu, Margarita Salas e Batuko Tabanka.
- A segunda foi unha actividade en colaboración coas familias. O noso alumnado levou para a casa unha plantilla na que escribir unha conversa ou entrevista a unha muller procedente de algún dos países estudados este curso dentro do noso proxecto 'Burela sen fronteiras'. A muller escollida podía ser coñecida ou non, contemporánea ou non... tiñan total liberdade para falar coa persoa que eles quixeran e botarlle moita imaxinación. Estamos moi agradecidas ás familias polo seu tempo e implicación e pola marabilla de traballos que xuntamos. Chegaron conversas con Aitana, Marie Curie, Cesárea Évora, Clara Campoamor, María Pita, Rosalía... e tamén con veciñas de Burela!
- A terceira foi un encontro a través da música de Batuko Tabanka. Un grupo de música tradicional caboverdiana composto por mulleres que son as nosas veciñas, procedentes de Cabo Verde e que levan varios anos residindo en Burela. As Batuko Tabanka viñeron ao noso cole e contáronnos o que é ser muller migrante, as dificultades que atoparon e tamén as alegrías que lles aportou tomar a decisión de vivir nun país diferente a aquel no que un nace. Compartiron tamén algunha que outra anécdota simpática con nós e fixéronnos un concerto que gozamos moito!




Ningún comentario:
Publicar un comentario