Amosando publicacións coa etiqueta #familias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #familias. Amosar todas as publicacións

domingo, 8 de xuño de 2025

VAI REMATANDO O CURSO

 É moi difícil resumir con xustiza todo o traballo realizado ao redor do PDI e dos libros (por exemplo todo o traballo relacionado con Educación responsable) neste curso escolar. Quedan no recordo moitas LECTURAS COMPARTIDAS, entre o alumnado de diferentes niveis e tamén con outras asociacións, por exemplo as visitas que nos realizaron os usuarios da fundación EU SON, que visitaron o noso cole para compartir lecturas en máis de unha ocasión. E nós aínda temos pendente unha visita á Escola Infantil na que compartiremos lecturas cos máis pequeniños.

A aula de POLOS CREATIVOS encheuse de creatividade durante este curso, con actividades relacionadas con PDI e outras que non.

Paseamos moito. Fomos visitar AS TETAS DA VINCULEIRA, esas dúas mámoas que están aquí nos Castros moi pretiño do cole. Din que son a entrada ao Castro. vimos a PENA DO NENO e xa sabemos por que ao noso cole sempre se lle chamou o COLE DOS CASTROS. 

Sabemos moito máis da nosa historia. E, aínda que ningún dos nosos castros está excavado e visible, podemos dicir que case todo o alumnado do cole visitou o Castro de Viladonga e/ou o Castro de Fazouro. Aquí debemos facer un apunte de agradecemento á implicación das familias, pois foron moitas as que aproveitaron as fins de semana e festivos para ir a coñecer algún dos castros da nosa comunidade; chegáronnos fotos de diversos lugares da xeografía galega. No cole recreamos castros, decoramos os edificios, traballouse a adquisición da lecto-escritura en infantil a partir de palabras relacionadas coa cultura castrexa, amasamos pan, investigamos sobre a canteiría, fixemos diccionarios... o dito, imposible resumilo todo. Grazas PDI 'Os Castros, un nome misterioso'




















A NOSA EXPO

Como produto final do noso PDI 'Os Castros, un nome misterioso' abrimos unha exposición na Casa da Cultura de Burela do 12 ao 18 de maio, onde puidéstedes disfrutar de moitos dos nosos traballos e do resultado das nosas investigacións cos vídeos de 'Como é posible que..?. preparando a expo

Grazas alumnado e mestres por todo este traballo e cariño por un proxecto común, e tamén a tódalas persoas que se achegaron a velo e nos trasladaron palabras moi agarimosas.





























LETRAS GALEGAS 2025



 No noso cole o festival de fin de curso vai sempre da man da celebración das letras galegas.

Este ano, adicado ás cantareiras, non podían faltar a música tradicional e as pandeiretas. Estamos moi agradecidos de poder contar no noso festival coa colaboración do grupo de cantareiras 'As Grileiras' pertencentes á asociación cultural Ledicia de Burela, Jose García (saxofonista e mestre en varias Escolas de Música) e Bruno Pedre (violonchelista e mestre).

Foi un gran festival no que disfrutamos moito e nos despedimos do noso alumnado de 6º curso que dentro de moi pouquiño comeza unha nova etapa e aos cales lles desexamos moita sorte. Durante o festival entregamos os premios á portada e á contraportada do noso xornal 'Nordés'  e tamén aproveitamos esta celebración tan emotiva para facerlles a entrega dun agasallo á nosa directora Pepa e á profe Pili que este ano se xubilan e ás que tamén lles desexamos o mellor.






Grazas Clink e Polos Creativos por estes pins tan fermosos que nos realizástedes para lucir no festival.
Fixéronse arredor de 300 pin-pandeiretas elaboradas coa impresora 3D de Polos Creativos grazas ao deseño de @a_fiestra_da_mestra e a axuda de @quenchofixo, en homenaxe ás nosas cantareiras.




sábado, 7 de xuño de 2025

8 DE MARZO. AVOAS CASTREXAS.

Celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller.

Sabemos que este día conmemora a loita das mulleres por eliminar toda forma de discriminación en calquera ámbito da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural.

Este 8 de marzo quixemos celebralo dunha forma especial e divertida, e para iso precisamos a inestimable axuda das nosas familias. A través do PDI ‘Os Castros, un nome misterioso’, o noso alumnado levaba tempo investigando e aprendendo moito sobre o pasado de Burela e a cultura castrexa. Dende o comezo de curso as nosas olladas viran ao pasado e son moitas as cousiñas que aprendimos sobre como vivían os nosos antergos.

Tendo en conta o lema de BE de este curso 'A Biblioteca Escolar, a escena! decidimos lanzar ás familias unha proposta divertida:

Que vos parecería que no canto de nós investigar tanto sobre o pasado e tentar imaxinar como se vivía entonces viñera unha avoa castrexa a visitarnos? Credes que se sorprendería? Que pensaría?

Pois ben, a vosa tarefa consiste en traer unha avoa castrexa a Burela! Á Burela de hoxe, no PRESENTE. Así que vos pedimos que vos imaxinedes unha escena, se é posible divertida, na que describades o que acontece con esa avoa castrexa que vos apareceu na familia como arte de maxia chegada directamente do pasado! Podedes levar á vosa avoa castrexa a onde queirades, temos unha vila na que acontece de todo. Por exemplo, podedes levar á vosa avoa: a un partido de fútbol sala, facer a alfombra floral nas festas, de compras ao mercado dos venres, á praia, comer churrasco ao Cantiño, facer surf á Marosa, celebrar un aniversario, á feira do bonito, á procesión marítima das festas, pode vir buscarte ao cole (ou vir a unha titoría), ao centro de saúde, á Moncloa, facer unha reclamación no Concello, abrir unha conta no banco, protestar polos marcos... incluso ir ver a Panorama!

Queridas familias, botádelle moita imaxinación e humor! 

Agradecemos ás familias a súa enorme participación e implicación nesta tarefa. A idea era facer un libro e rematamos facendo dous!

Podedes pasar pola biblio ler os libros das avoas castrexas e tamén miralos aquí A MIÑA AVOA CASTREXA, A ESCENA!




-------------------------------