domingo, 8 de xuño de 2025

LETRAS GALEGAS 2025



 No noso cole o festival de fin de curso vai sempre da man da celebración das letras galegas.

Este ano, adicado ás cantareiras, non podían faltar a música tradicional e as pandeiretas. Estamos moi agradecidos de poder contar no noso festival coa colaboración do grupo de cantareiras 'As Grileiras' pertencentes á asociación cultural Ledicia de Burela, Jose García (saxofonista e mestre en varias Escolas de Música) e Bruno Pedre (violonchelista e mestre).

Foi un gran festival no que disfrutamos moito e nos despedimos do noso alumnado de 6º curso que dentro de moi pouquiño comeza unha nova etapa e aos cales lles desexamos moita sorte. Durante o festival entregamos os premios á portada e á contraportada do noso xornal 'Nordés'  e tamén aproveitamos esta celebración tan emotiva para facerlles a entrega dun agasallo á nosa directora Pepa e á profe Pili que este ano se xubilan e ás que tamén lles desexamos o mellor.






Grazas Clink e Polos Creativos por estes pins tan fermosos que nos realizástedes para lucir no festival.
Fixéronse arredor de 300 pin-pandeiretas elaboradas coa impresora 3D de Polos Creativos grazas ao deseño de @a_fiestra_da_mestra e a axuda de @quenchofixo, en homenaxe ás nosas cantareiras.




ADESTRAMOS CON JAIRO CAMPO.

 'A tribo do mar' de Lois Pérez foi un libro que nos fixo alongar moito o club de lectura pois as temáticas e puntos de debate que ían xurdindo eran moitísimos.

Seguindo a historia de Alexandra, unha das personaxes protagonistas da novela, decidimos vivir coma ela o esforzo que supón entrenar e tomarse o deporte moi en serio.

Así que Bonitiño (sempre atento á nosa saúde) e Carmiña contactaron con Jairo Campo para que o noso alumnado do terceiro ciclo puidera vivir en primeira man un adestramento profesional de fútbol sala. 

Grazas Jairo Campo (adestrador da base feminina do Fútbol Sala de Burela) por facelo posible e ensinarnos tanto.





DÍA DO LIBRO

Inmersos na preparación do festival de fin de curso, a exposición na Casa da Cultura, as vacacións de Semana Santa, avaliación diagnóstica e saídas de estudos; este curso as actividades para celebrar o Día do Libro foron realizándose durante varias semanas, favorecendo así a flexibilidade e que tódalas aulas puideran pasar pola BE a disfrutar desta efeméride tan importante para Carmiña e a comunidade do cole dos Castros.

Carmiña dispuxo un expositor con libros sobre/e de Shakespeare e Cervantes. Este curso ampliamos o noso catálogo para poder coñecer a estes dous autores tan importantes e as súas obras literarias. Tampouco nos esquecimos de recordar ao noso alumnado que Inca Garcilaso de la Vega tamén ten un oco nesta celebración.

A biblio preparou dúas actividades para o alumnado de tódolos niveis completamente adaptables á forma que quixera dárselles dende calquera titoría. 

Fago maxia coas palabras e cóntoche un microconto. Para esta actividade os grupos dispoñen de tarxetas variadas e ilustradas xunto cun modelo de escritura (por se algunha aula o quixera usar). Esta actividade podía realizarse tanto de maneira oral (relato oral) ou escrito (microconto). Esta actividade tiña a disposición do alumnado un sombreiro e unha capa de mago, para poder facer, de verdade, maxia coas palabras.

Mural literario. Seguro que unha boa parte do alumnado quere aproveitar o Día do libro para facer unha homenaxe ao seu libro favorito. Pois para isto tamén deixamos unhas plantillas para poder debuxar, escribir, rotular, poñer foto... do libro favorito de cada persoa.

En tódalas aulas se realizaron marcapáxinas para agasallar aos padriños e madriñas no día do apadriñamento lector e outras actividades ao redor dos libros. Estas outras actividades arredor dos libros xiraron en torno a contos moi queridos polo alumnado como 'A ra de tres ollos' e outros libros que nos mercou Carmiña para poder aprender moito sobre as Cantareiras.

O apadriñamento quedou aprazado por motivos meteorolóxicos e pola avaliación diagnóstica pero o día que o puidemos celebrar disfrutámolo moito, pois sempre é un éxito.

















































AQUELA VIAXE BONITIÑO, CARMIÑA E CLINK


 Parece que os nosos amigos Carmiña, Bonitiño e Clink souberon resolver con éxito as súas desavenencias e continuaron coa viaxe. Aquí os tedes en Viladonga. Unha visita inesquecible, aprenderían tanto coma o alumnado do cole dos Castros? Pronto o saberemos.





sábado, 7 de xuño de 2025

8 DE MARZO. AVOAS CASTREXAS.

Celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller.

Sabemos que este día conmemora a loita das mulleres por eliminar toda forma de discriminación en calquera ámbito da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural.

Este 8 de marzo quixemos celebralo dunha forma especial e divertida, e para iso precisamos a inestimable axuda das nosas familias. A través do PDI ‘Os Castros, un nome misterioso’, o noso alumnado levaba tempo investigando e aprendendo moito sobre o pasado de Burela e a cultura castrexa. Dende o comezo de curso as nosas olladas viran ao pasado e son moitas as cousiñas que aprendimos sobre como vivían os nosos antergos.

Tendo en conta o lema de BE de este curso 'A Biblioteca Escolar, a escena! decidimos lanzar ás familias unha proposta divertida:

Que vos parecería que no canto de nós investigar tanto sobre o pasado e tentar imaxinar como se vivía entonces viñera unha avoa castrexa a visitarnos? Credes que se sorprendería? Que pensaría?

Pois ben, a vosa tarefa consiste en traer unha avoa castrexa a Burela! Á Burela de hoxe, no PRESENTE. Así que vos pedimos que vos imaxinedes unha escena, se é posible divertida, na que describades o que acontece con esa avoa castrexa que vos apareceu na familia como arte de maxia chegada directamente do pasado! Podedes levar á vosa avoa castrexa a onde queirades, temos unha vila na que acontece de todo. Por exemplo, podedes levar á vosa avoa: a un partido de fútbol sala, facer a alfombra floral nas festas, de compras ao mercado dos venres, á praia, comer churrasco ao Cantiño, facer surf á Marosa, celebrar un aniversario, á feira do bonito, á procesión marítima das festas, pode vir buscarte ao cole (ou vir a unha titoría), ao centro de saúde, á Moncloa, facer unha reclamación no Concello, abrir unha conta no banco, protestar polos marcos... incluso ir ver a Panorama!

Queridas familias, botádelle moita imaxinación e humor! 

Agradecemos ás familias a súa enorme participación e implicación nesta tarefa. A idea era facer un libro e rematamos facendo dous!

Podedes pasar pola biblio ler os libros das avoas castrexas e tamén miralos aquí A MIÑA AVOA CASTREXA, A ESCENA!




A NOSA BIBLIO VÍSTESE DE CASTREXA.

 Ao longo do curso fumos incorporando elementos decorativos castrexos que ambientaron a nosa biblioteca escolar, contaxiando tamén a aula Polos Creativos. Pasados os meses, podemos dicir que todo o colexio se vestiu de castrexo, alta costura!

Podedes ver o bonito que puxemos o cole aquí  un cole castrexo









CAMBIAMOS DE NOME

Dende o 28 de marzo de este ano o noso cole, o CEIPP Virxe do Carme pasa a denominarse CEIPP Os Castros, tal e como se lle chama na vila dende sempre. E estreamos logo!





PRENSA E POESÍA.

 Este curso decidimos adicar o día da poesía a estudar acrósticos. Así que tódalas aulas sen excepción e tomando como referencia 'Os Castros' traballou a poesía. Quedaron uns acrósticos moi orixinais que máis adiante pasamos a táboas de madeira coa nosa cortadora láser da aula de Polos Creativos. Estas táboas formaron parte da exposición artística que realizamos no mes de maio na Casa da Cultura de Burela e que abriu ao público parte do noso traballo realizado dende o PDI 'Os Castros, un nome misterioso'

A semana da prensa no noso cole adicouse a preparar un resumo do noso traballo de investigación sobre a nosa liña de traballo escollida dentro do PDI. Cada aula preparou unha explicación do 'Como é posible que..? para publicar no noso xornal, o NORDÉS.







-------------------------------