Despois dun curso no que descubrimos o motivo polo que ao noso cole, que se chamaba CEIPP Virxe do Carme, popularmente se lle coñecía como o colexio dos 'Castros', e de mergullarnos de cheo na cultura castrexa e no pasado da nosa vila, este anos decidimos entender mellor o noso presente.
Vivimos nunha Burela moi diferente á castrexa, unha Burela multicultural. Abarcar tódalas nacionalidades presentes na nosa vila é unha tarefa moi ambiciosa así que optamos por escoller entre aqueles lugares do mundo máis significativos para o noso alumnado e que teñen unha importante presencia en Burela. Foi así como xurdíu a idea de proxecto, para coñecer mellor os lugares de orixe dos nosos compis e/ou das súas familias. Queremos saber e queremos coñecer moitas cousiñas e escoitar moitas historias de países lonxanos. A través de este PDI "Burela sen fronteiras" coñeceremos diferentes aspectos da cultura de doce países. Durante este curso traballaremos seis de eles: España, Perú, Cabo Verde, Indonesia, Polonia e Ghana.
Agardamos que vos animedes a participar nas actividades que vaian xurdindo e que vos resulte interesante o noso traballo.
O 24 de outubro é o Día das bibliotecas, unha data moi especial.
Así que nos celebrámolo como ben merece. Presentamos o noso novo proxecto ao alumnado "Burela sen fronteiras", un proxecto que terá unha duración de dous cursos escolares. Tamén aproveitamos a efeméride para poñer a circular as mochilas viaxeiras e tódolos grupos visitan a nosa biblio para coñecer as sorpresas e novidades que lles ten preparadas Carmiña.
Non esquecemos o lema e, por suposto, unímonos á loita contra a desinformación, poñendo en valor os libros e os lugares que os acollen; sen esquecer a importancia do acceso á lectura e a poder/saber ler. Para isto axudounos durante esta xornada tan especial o libro "O lapis máxico de Malala".
As Bibliotecas Escolares son un latexo de vida nos centros e as Bibliotecas, en xeral, eternos refuxios de sabiduría, calma e esperanza. Uns lugares moi necesarios e cheíños de maxia como di esta canción de Iván Vale.
Aquí tedes o cartaz co lema das bibliotecas para esta celebración e o texto no blog de Bibliotecas Escolares con este motivo. Unha celebración que se está a facer dende o 1997.
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2025.
O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.
As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas.
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.
Xa estamos enfrascados de cheo nunha nova aventura para este curso escolar 2025-2026 e dende aquí iremos compartindo coa nosa comunidade moitas das actividades e propostas nas que iremos traballando.
Carmiña despídese para gozar dun merecido descanso aínda que ela e os seus amiguiños Bonitiño e Clink xa andan a argallar cousiñas para o próximo curso. Que sorpresas nos traerán en setembro? Pronto o saberemos. Mais polo de pronto toca dar as grazas ao noso alumndado, profesorado e comunidade educativa por todo o traballo realizado ao redor do PDI 'Os Castros, un nome misterioso' e desexarlles moi felices vacacións para que veñan en setembro con moitas ganas e ilusión por aprender, de novo, todos xuntos.
Os últimos meses de curso ofertamos outros dous clubes de lectura ao noso alumnado. Un deles para traballar 'A marabillosa medicina de George' de Roald Dahl e outro foi 'A gruta da torre' de Lois Pérez.
Roald Dahl era un autor bastante descoñecido no noso cole. Sen embargo, dende que comezou a traballarse con el no club (e tamén se traballa a Dahl nas aulas de lingua estranxeira), o alumnado vaise achegando cada vez máis ás súas novelas, algo que pon a Carmiña moi leda pois é un autor con sona a nivel internacional.
O clube arredor do libro de Dahl produciu moitas risas e limos esceas das que non sabiamos que pensar, pois sentíamonos tanto sorprendidos como contentos. Esas emocións encontradas que tan ben sabe Dahl facernos sentir.
A Lois Pérez tivemos a fortuna de coñecelo e telo na nosa biblio. Tiñamos un montón de preguntas para el. O libro de 'A gruta da torre' estábanos gustando moito e, como a moitos non lles dera tempo de rematalo, queríamolo saber todo. Lois non defraudou e contounos de todo (ata un segredo que prometimos non dicir xamáis).